POR QUE


Os textos que aparecerán nesta páxina estiveron a piques de ser publicados hai uns meses por unha editorial galega, co título ISTO NON É UN LIBRO. A falta de paciencia e de verdadeiro interese fixeron que desistise. Hoxe, a primeiros de xullo de 2010, por darlle gusto a unha boa amiga que non parou ata convencerme, arrinco con este blog, onde irei colgando os contidos daquel libro posible e outras ideas que vaian xurdindo.

E para empezar, transcribo o prólogo e a sinopse que levaba:

“ISTO NON É UN LIBRO por dous motivos, fundamentalmente:
Primeiro, porque nunca pretendeu selo. Ningún dos textos se escribiu pensando na posible publicación. Se chegaron ata aquí, foi grazas ós empurróns de persoas que os leron e que me queren ben. Algúns foron rescatados do fondo da hucha; outros, aínda fumean. Hainos que saíron directamente do corazón; tamén os hai feitos por encarga cerebral. Todos, de escasas palabras; pero de longa elaboración. E segundo, porque estrutura, contidos, prosa e poesía enceréllanse adrede coa humilde intención de sorprender ó lector. Confío na súa boa vontade para deixarse levar”.

“Isto non é un libro. É un feixe de faíscas con formas caprichosas de poemas, relatiños ou ocorrencias, amarradas por unha fráxil trenza de palabra, sentir e vida. Nas mans do lector queda a decisión de outorgarlles ou non a liberdade”.

16 ene. 2011

CONFUSIÓN



(Imaxe baixada de internet)
Enreda a morte
confundindo as obrigas
coas lembranzas.
Búrlase da nai miña.
E crávame o futuro.




Juega la muerte
confundiendo deberes
con añoranzas.
Se burla de mi madre.
Y me clava el futuro.

8 comentarios:

Rascacheira dijo...

Ai, o inexorable paso do tempo... Manuel Antonio dicía:

Fomos quedando sós.
O mar, o barco e mais nós.

Madoé dijo...

Tan certo coma duro.

suaseiras dijo...

A morte...
non enreda, nin confunde nin se burla de nada nin de ninguén.
É a vida, Madoé, a que da pé a toda ésta confusión.

Madoé dijo...

Si, é a vida, tes razón; pero a morte forma parte da vida, unha parte moi importante. Desde o mesmo momento do nacemento, emprendemos o camiño cara a ela. Uns toman atallos e chegan axiña; outros van pola ruta máis longa; e hainos que se perden e andan dando voltas darredor da meta, mentres ela se ri a gargalladas.

suaseiras dijo...

Ti mandas, es a autora desta confusión.

Rascacheira dijo...

Estou de acordo con Suaseiras. Só é a vida a que manda, a vida a que confunde, a vida a que nos leva a un lado e outro. A morte só está á espera, agazapada como un gato á espera do furonciño do tobo...

Madoé dijo...

¡Hala, agora compinchadas contra min! Aínda habedes querer que vos dea a razón...
Bueeeeno, vaaaaale, de acooordo....
¿Contentas? :-)

suaseiras dijo...

Ja,ja,ja....
Eu tamén estou un pouco contigo, muller, pero...en contra dos xens, gustariame ver (sentir)a morte como mais dulce.
Mmhhh...grazas Rascacheiras.