POR QUE


Os textos que aparecerán nesta páxina estiveron a piques de ser publicados hai uns meses por unha editorial galega, co título ISTO NON É UN LIBRO. A falta de paciencia e de verdadeiro interese fixeron que desistise. Hoxe, a primeiros de xullo de 2010, por darlle gusto a unha boa amiga que non parou ata convencerme, arrinco con este blog, onde irei colgando os contidos daquel libro posible e outras ideas que vaian xurdindo.

E para empezar, transcribo o prólogo e a sinopse que levaba:

“ISTO NON É UN LIBRO por dous motivos, fundamentalmente:
Primeiro, porque nunca pretendeu selo. Ningún dos textos se escribiu pensando na posible publicación. Se chegaron ata aquí, foi grazas ós empurróns de persoas que os leron e que me queren ben. Algúns foron rescatados do fondo da hucha; outros, aínda fumean. Hainos que saíron directamente do corazón; tamén os hai feitos por encarga cerebral. Todos, de escasas palabras; pero de longa elaboración. E segundo, porque estrutura, contidos, prosa e poesía enceréllanse adrede coa humilde intención de sorprender ó lector. Confío na súa boa vontade para deixarse levar”.

“Isto non é un libro. É un feixe de faíscas con formas caprichosas de poemas, relatiños ou ocorrencias, amarradas por unha fráxil trenza de palabra, sentir e vida. Nas mans do lector queda a decisión de outorgarlles ou non a liberdade”.

16 nov. 2013

MARA MARIÑA, MEIGA MEIGUIÑA

                                                   recitado

                              (Imaxe baixada de internet)
Nunha vila mariñeira
desta fermosa Galicia,
vivía unha nena meiga
feliz coa súa familia.

Non era nena calquera.
Mara, que así lle chamaban,
tiña un pequeno problema
pero non se decatara.

¿Sabedes que cousa era?
¿Querédelo ver axiña?
Pois esta nena pavera
soñaba só espertiña.

Soñaba o que lle conviña,
sempre con cousiñas boas:
con lambetadas, amigas,
festas e con roupa nova.

O malo éravos na escola
que sempre en vez de estudar,
parola que te parola
mentres estaba a soñar.

A mestra non daba creto,
que nunca tal cousa vira:
¡soñar cos ollos abertos
e con voz alta, por riba...!

Pois así todos os días:
nos soños, era paxaro,
no zoo, cos monos ría,
convertíase nun sapo...

-¡Xa está ben! (dixo mamá).
Ó médico hai que ir.
Esta nena está moi mal,
non sabe chorar, e ri.

Mirouna e remirouna
o señor doutor, moi serio,
e despois dixo con sorna:
-¡Xa atopei o remedio!

Ten que ir mañá ben cedo,
aínda ben non abra o día,
pola praia de paseo
cunha ortiga na barriga.

-Pero mañá haille escola
(dixo a nai moi sorprendida)
-Ten que ser así, señora,
para sandar a meniña.

Así foi. Así se fixo.
O remedio era barato...
E indo xa de camiño,
¿sabedes que viu nun charco?

Unha gaivota morrendo
porque voar non podía.
¡O chapapote noxento
íalle quitar a vida!

Xa non fixo falta ortiga
nin tampouco pasear,
a negrura que ela vira
si que a podía curar.

¿E curou Mara? Pois si.
Xa só polas noites soña.
E tamén deixou de rir,
  (Imaxe baixada de internet)
e, por veces, ata chora.

¡Pero quen dixo chorar!
Isto é un conto, xa ves,
e podes imaxinar
que todo pasa ó revés.

E como Mara Mariña,
é unha meiga meiguiña,
pode tornar en ledicia
a tristura de Galicia.




* Texto creado naquel ano fatal con fins didácticos, para ser narrado no escenario. Nunca pensei subilo aquí, pero... Non o traduzo porque non creo que sexa necesario, o mundo enteiro sabe de que vai.


5 comentarios:

rascacheira dijo...

Canto me gustou este contiño versado!!!
Canto!

Madoé dijo...

Pois a min, a pesar do traballiño que me deu, non acaba de convencerme, pero encántame que che guste. E iso que non o viches narrado por Raqueliña Cernadas. ¡Aí si que lucía!

suaseiras dijo...

Oxalá fora conto para poder imaxinar que todo pasa ao revés,oxalá!!

SilviaPG dijo...

A pesar do fatal acontecemento, versos moi bonitos Ma Doé. Emocionan e moito!

Silvia.

Madoé dijo...

Que ben, Silvia, alégrome moito.